Hoxe en día, o feminismo e o ecoloxismo son dúas lentes que nos permiten ver a realidade doutro xeito. Estas correntes non só cuestionan prácticas e valores tradicionais, senón que tamén revalorizan aspectos que foron históricamente considerados como inferiores. Ao combinar o potencial conceptual e político de ambos movementos, podemos profundizar máis nos problemas que afrontamos como sociedade e buscar solucións máis xustas, democráticas e sostibles.
O ecofeminismo, unha corrente que xorde da intersección entre o feminismo e o ecoloxismo, propón unha nova forma de entender o mundo. As mulleres, ao longo da historia, foron colocadas nun lugar de subordinación, tanto respecto dos homes como da natureza, e esta visión permeou nas formas de explotación ambiental e nas relacións de poder.
As mulleres son as máis prexudicadas polas crises ambientais e as catástrofes naturais. Así se recoñeceu na Conferencia de Nacións Unidas sobre a Muller no ano 2000. Non obstante, aínda que as mulleres están en primeira liña dos movementos ecoloxistas, seguen a reproducirse as desigualdades de xénero, con homes na cúspide da toma de decisións.
É fundamental que as mulleres esixamos políticas medioambientais que nos teñan en conta, non só como vítimas, senón como suxeitos activos no coidado do medio ambiente e na construción dunha nova cultura de respecto cara á natureza. O ecofeminismo crítico, como sinala Alicia Puleo, advirte que as mulleres non somos as únicas responsables do cambio, pero a nosa perspectiva feminista ten moito que aportar a unha cultura ecolóxica de igualdade.
O ecofeminismo tamén critica o sistema económico capitalista e patriarcal, que ignora o traballo invisíbel e non remunerado das mulleres, especialmente no ámbito doméstico. Este traballo, que inclúe o coidado das persoas, a xestión dos fogares e o mantemento dos espazos comunitarios, é esencial para o sostemento da vida e o benestar social, pero segue sen ser valorado pola economía convencional.
O traballo invisible que realizan as mulleres, tanto no fogar como nas súas comunidades, é o verdadeiro motor que sostén a vida, pero é ignorado pola economía capitalista. Para que haxa un cambio real, é necesario recoñecer o valor deste traballo e integrar as experiencias e coñecementos das mulleres nunha nova forma de entender a economía e a sociedade.
Ecofeministas como Ariel Salleh ou Mary Mellor destacan que a explotación das mulleres, da natureza e das persoas máis vulnerables son parte dun mesmo sistema de dominación. A sociedade de consumo e o modelo económico actual, que se basea na explotación de recursos naturais e humanos sen límites, non ten en conta os ciclos naturais nin as verdadeiras necesidades das persoas.
Transformar o modelo actual de desenvolvemento implica cambiar a relación que temos coa natureza e coas persoas. Non podemos seguir vendo a natureza como un simple recurso para ser explotado. É fundamental recoñecer que todos, tanto homes como mulleres, temos unha conexión dual coa cultura e coa natureza. A natureza non é só un escenario onde actuamos ao noso antollo. Ten unha riqueza filosófica, emocional e histórica que debemos respectar e coidar.
Dende ALALÁ, impulsamos o ecofeminismo non só nas nosas accións profesionais, senón tamén como un valor intrínseco na nosa vida persoal. Cremos nunha sociedade máis xusta, onde a igualdade de xénero e o respecto polo medio ambiente sexan eixes centrais para o benestar común. Cada pequeno xesto conta, e por iso apostamos por unha transformación real e colectiva.
E ti, como crees que podes contribuír a unha sociedade máis xusta e sostible desde as túas accións?