Os coidados

Índice

Os coidados, esenciais para o sostemento da vida, sempre estiveron presentes ao longo da historia, aínda que foron entendidos e organizados de maneiras diversas segundo os contextos sociais, culturais e económicos. Pero, que son realmente os coidados e que papel xogan na nosa sociedade?

Desde a perspectiva da economía feminista, que compartimos en España e América do sur, os coidados engloban todas aquelas tarefas necesarias para garantir o benestar das persoas: dende o traballo doméstico ata o coidado de persoas dependentes, nenos, anciáns, ou persoas con diversidade funcional. Tradicionalmente, estas tarefas foron invisibilizadas e relegadas ao ámbito privado, asignadas case exclusivamente ás mulleres, e sen recoñecemento económico nin social.

A economista feminista Amaia Pérez Orozco propón unha redefinición deste traballo invisibilizado, substituíndo o concepto de “traballo doméstico” por “traballo de coidados”, un termo que abrangue as mesmas tarefas, pero co recoñecemento de que estas son actividades fundamentais para o sostemento da vida e non só unha prolongación natural do rol feminino. Esta visión desafía a clásica distinción entre a produción (entendida como a xeración de capital) e a reprodución (entendida como a creación e coidado de persoas), revelando como o sistema capitalista se aproveita do traballo gratuíto que xera benestar para sosterse.

A medida que a sociedade foi cambiando, rompéronse certos modelos que, aínda que inxustos, ofrecían certa estabilidade social: a imaxe tradicional do home provedor e a muller no fogar. Hoxe, moitas mulleres están menos dispostas a soportar esas inxustizas, pero as solucións ofrecidas polo mercado laboral precarizado non teñen resolto a cuestión dos coidados, provocando o que moitas voces chaman unha “crise de coidados”. Esta crise non é só individual, senón estrutural e global: a vida das grandes cidades, as cadeas globais de coidados, e as desigualdades de xénero, etnia e clase agravan o problema.

É aquí onde se fai necesaria unha reflexión máis profunda sobre como organizamos os coidados. ¿Quen pode coidar? ¿Quen debería facelo? A verdade é que todas as persoas, nun momento ou outro, necesitamos coidados, e todas somos capaces de ofrecer coidados. Vivimos en constante interdependencia, movéndonos entre situacións de maior ou menor autonomía ao longo da nosa vida.

A clave está en recoñecer que os coidados non son un traballo menor nin secundario, senón o motor da vida mesma. Recoñecer a vulnerabilidade compartida por todas as persoas implica repensar a maneira en que distribuímos e valoramos os coidados. Non só debemos dar visibilidade a este traballo, senón tamén transformalo nunha responsabilidade compartida e equitativa, onde tanto homes como mulleres, así como diferentes actores sociais, participen activamente.

Nós, dende ALALÁ, impulsamos accións para traballar coa comunidade educativa a corresponsabilidade, poñendo en valor os coidados como elemento fundamental para o benestar colectivo e a sustentabilidade da vida.

E ti, tamén sentes que os coidados son o piar fundamental para construír unha sociedade máis xusta e sostible?