Os patios coeducativos ofrecen unha oportunidade única para crear espazos escolares máis inclusivos, igualitarios e participativos. Son moito máis que lugares de recreo, converténdose en escenarios de aprendizaxe onde as nenas e nenos interactúan en igualdade de condicións, respectando a diversidade e fortalecendo a convivencia. A través de proxectos que integran a igualdade de xénero, os patios escolares poden transformar a experiencia de xogo en algo moito máis enriquecedor para todo o alumnado.
Que son os patios coeducativos?
Un patio coeducativo é un espazo deseñado para fomentar a inclusión, a igualdade e a participación activa de todas e todos. A nosa proposta en Alalá está centrada en crear patios multifuncionais onde nenas e nenos poidan gozar das mesmas oportunidades de xogo e interacción, rompendo os estereotipos de xénero e xerando novas dinámicas de convivencia.
Traballamos coas comunidades educativas para deseñar estes espazos mediante metodoloxías innovadoras, manipulativas e experienciais, que invitan ao alumnado a reflexionar sobre como utilizan os espazos e como queren transformalos. Deste xeito, convertemos ao alumnado en axente activo do cambio, permitindo que sexan parte do proceso de creación de espazos máis igualitarios e respectuosos.
Os patios coeducativos son ferramentas poderosas para promover a igualdade de xénero e os bos tratos. Ao crear espazos onde todos e todas teñen as mesmas oportunidades de participación o que favorece a unha mellor convivencia durante os recreos, e tamén potencia o desenvolvemento de habilidades sociais e emocionais como o respecto, a empatía e a colaboración.
Mediante obradoiros de sensibilización e redeseño, axudamos ao alumnado a repensar como se usan os espazos do seu colexio, escoitando as súas necesidades e visións. A combinación de actividades manipulativas e dinámicas experienciais fomenta unha aprendizaxe profunda e vivencial, onde o propio alumnado explora e redefine o seu patio desde unha nova perspectiva.
Unha transformación liderada pola comunidade educativa
En Alalá Coop, cremos na importancia de implicar a toda a comunidade educativa no proceso de transformación dos espazos escolares. Profesores, familias e alumnado traballan conxuntamente no redeseño dos patios coeducativos, xerando un sentido de pertenza e responsabilidade compartida. Este traballo colaborativo non só crea espazos inclusivos e respectuosos, senón que tamén fortalece a cohesión grupal e promove a cultura dos bos tratos dentro e fóra do patio.
Se cres que no teu colexio hai ganas de transformar o patio e fomentar un espazo máis inclusivo e equitativo, contacta con nós. Estaremos encantadas de acompañar no proceso e sementar igualdade e bos tratos!